Aviso! Esta tradución está moi desfasada, consulte o orixinal.
Documentación
A documentación, os manuais técnicos que describen a operativa e uso dos aplicativos, son unha parte importante de todo sistema operativo. Como parte dos esforzos por crear un sistema operativo de alta calidade, o proxecto Debian esfórzase en proporcionar aos seus usuarios unha documentación axeitada de forma facilmente accesible.
Comezo rápido
Se é novo en Debian recomendámoslle que comece por ler:
Teña estes documentos a man cando realice a súa primeira instalación de Debian. Responderán moitas cuestións e axudaranlle a traballar co seu novo sistema Debian. Máis tarde pode querer continuar con:
- Referencia de Debian, o manual principal para os usuarios
- Notas da versión, para a xente que estea a actualizar
- Debian Wiki, unha boa fonte de información para os recen chegados.
Finalmente, asegúrese de imprimir e ter sempre a man a tarxeta de referencia de Debian GNU/Linux, unha lista dos comandos máis importantes nun sistema Debian.
Hai bastante máis información listada a continuación.
Tipos de documentación
A maioría da documentación incluída en Debian foi escrita para GNU/Linux en xeral. Tamén hai documentación escrita especificamente para Debian. Estes documentos poden dividirse nestas categorías básicas:
Manuais
Os manuais parecen libros, xa que describen temas importantes de forma exhaustiva.
Manuais específicos de Debian
Manuais para os usuarios
Pode atopar a lista completa de manuais de Debian e outra documentación nas páxinas web do proxecto de documentación de Debian.
Tamén hai varios manuais para usuarios de Debian GNU/Linux dispoñíbeis en formato impreso.
Manuais para GNU/Linux en xeral
Algúns dos documentos e manuais máis coñecidos para Linux son «Instalando e comezando con Linux», «Guía dos usuarios de Linux», «Guía dos administradores de rede», «Guía dos administradores de sistemas», entre outros.
A documentación de Linux coordínase a través dos esforzos do proxecto de documentación de Linux (Linux Documentation Project, LDP). Pode atopar a colección completa de manuais do LDP na súa páxina web, con moita outra documentación, tanto en formato electrónico como impreso.
Receitas (HOWTOs)
Os documentos de receitas (HOWTO), como o seu nome indica, describen os pasos dunha receita para facer algo, e normalmente cobren un tema máis específico.
Algunhas das receitas máis importantes de Linux son:
- Receita para a compatibilidade do Hardware,
- receita de Unix e Internet básicos,
- receita dos sistemas de ficheiros,
- receita de configuración,
- receita para rede,
- entre outras moitas.
Preguntas comúns (FAQs)
FAQ é acrónimo de frequently asked questions (preguntas comúns). Un FAQ é un documentos que responde a esas preguntas.
O FAQ de Linux contén información sobre Linux en xeral.
As cuestións especificamente sobre Debian respóndense no FAQ de Debian. Tamén hai un FAQ independente sobre as imaxes de CD/DVD de Debian .
Consulte o índice de FAQs do LDP para obter máis información.
Outros documentos máis curtos
Os seguintes documentos inclúen instrucións máis rápidas e curtas:
- páxinas do manual
- Tradicionalmente, todos os programas de Unix se documentan con páxinas do manual, manuais de referencia dispoñíbeis ca orde man. Normalmente non están pensados para novatos. Pode buscar e consultar as páxinas do manual dispoñíbeis en Debian en https://manpages.debian.org/.
- ficheiros info
- Moito do software de GNU documéntase mediante ficheiros info en lugar de en páxinas do manual. Estes ficheiros inclúen información detallada sobre o propio programa, opcións e exemplos de uso e están dispoñíbeis a través da orde info.
- ficheiros README (léame) variados
- Os ficheiros léame tamén son comúns — son simples ficheiros de texto que describen un só elemento, normalmente un paquete. Pode atopar moitos deles nos subcartafois de /usr/share/doc/ no seu sistema Debian. Cada paquete terá un subcartafol aí, co seu propio ficheiro «léame», e pode incluír tamén exemplos de configuración. Fíxese que para aplicativos grandes, a documentación normalmente ven en un paquete separado (co mesmo nome que o paquete orixinal, pero acabado en -doc).
- tarxetas de referencia rápida
-
As tarxetas de referencia rápida son resumos moi curtos dun (sub)sistema concreto. Normalmente estas tarxetas traen as ordes de usuario máis comúns nun só folio. Algunhas das tarxetas de referencias e coleccións son:
- Tarxeta de referencia de Debian GNU/Linux
- Esta tarxeta, que pode ser impresa nun só folio, ofrece unha lista das ordes máis importantes e é unha boa referencia para os novos usuarios de Debian que queiran familiarizarse con elas. Requírese polo menos ter un coñecemento básico do computador, ficheiros, directorios e da liña de ordes. Os usuarios novatos deberían ler antes a referencia de Debian.
Se xa comprobou os anteriores recursos e aínda así non atopa resposta ás súas cuestións ou solución aos seus problemas sobre Debian, bótelle unha ollada á nosa páxina de asistencia.